Concello de Dozón

Concello de Dozón

Inicio

"TERRAS OUTAS"

"Terras Outas"

"Terras outas de Dozón
Ríspidas, graves e núas
Escasas de pan e son,
Fartas de soles e lúas...
¡Terras outas de Dozón!
Terras bravas, montesías,
De menhires e cruceiros
Que soñan baixo os luceiros
Con antergas teoloxías.
Monte raso, monte enxebre,
Campa da rola viuda,
Da ínqueda e medosa lebre
E a roiba cabra barbuda.
Monte triste, en soedade,
Pardecendo de carrascos,
Humilde saial de frade,
Mantelo pobre de tascos.
Pedras dos cumes desfeitas,
Do lóstrego e do trebón

 

 

 

Mudas, inmobres, ergueitas,
Como mans en oración.
Outros castros derrubados,
Fondas covas atuídas
Polos ósos requeimados
De guerreiros e druídas.
Todo en vós dorme calado
No colo da Saudade,
Nun soño de eternidade
Con degaros do pasado!
¡Terras Outas de Dozón!
Na hora da despedida
Déixovos o corazón!
Vinvos vello que se non,
¡Outra fora a miña vida,
Terras de monte Dozón!"

Ramón Cabanillas

Como recollen, e dunha maneira realista, as verbas de Cabanillas (o cal foi secretario do noso Concello) Dozón é un Concello dominado polo terreo montañoso, contando con varias elevacións coma os Altos de San Martiño e Santo Domingo, así coma o Monte da Rocha, e máis aínda Pena de Francia. As inclinacións do terreo amosan a paisaxe típica de Galicia, dominada polos verdes, amosando as praderías e vales, os cales recollen e amosan a importancia do noso Rural. Contamos con numerosos regatos, os cales nos deixan os muíños como testemuño etnolóxico do pasado, recollendo así as tradicións dos nosos antepasados e que nos amosan paisaxes fermosas.

A nosa sociedade vive no Rural, e mantén vivas numerosas tradicións que fan que tanto a paisaxe coma a vida aquí se manteña. A gandaría que é a actividade económica esencial do noso Concello axuda a que poidamos conservar a paisaxe, desfrutar da tranquilidade que este modo de vida aporta, e máis aínda da calidade, mantendo o cariño polo entorno que fai que entre todos o manteñamos e coidemos. 

Ó longo do percorrido por esta Fiestra, tentaremos amosarvos o noso Concello, convidándovos así a visitarnos. Se como dixemos a nosa Sociedade é maiormente Rural, e mantendo o orgullo deste mesmo feito, estamos convencidos que dita característica favoreceu o mantemento de numerosas tradicións, feito que marca o noso desenvolvemento. Contamos co Camiño de Santiago, feito que suma a nosa presenza nun plano que sobrepasa as fronteiras europeas, e que favorece a difusión do noso Concello como ente visitable e agradable, amosando as nosas paisaxes e patrimonio, e favorecendo o desenvolvemento cultural e económico ó longo dos Séculos. Dita importancia das tradicións, queda manifesta na Feira da Gouxa, cruce de camiños secular, que xunta o paso do Camiño cunha Feira de nacemento Medieval que se sigue a manter nos nosos días.

Contamos cun Patrimonio destacado, posto que contamos cun dos exemplos máis fermosos do Románico Galego, o noso Mosteiro de San Pedro de Vilanova fundado no 1154 por Dona Guntroda Suárez, a cal o dotou de terreos e conseguiu numerosas prerrogativas rexias para el. Por outra banda, temos unha obra descoñecida para a inmensa maioría, as Pinturas Renacentistas do 1522 da Igrexa de San Xoán de Sixto, obra do Mestre do Sixto, portugués que percorreu o territorio galego deixando testemuño de varias obras, e que ten como cume o Sixto, posto que son calificadas polos estudosos da materia como o mellor conxunto renacentista de Galicia.